Wednesday 08 de May de 2024

A Romaría de Santa Minia confirma todas as previsións e supera os 50.000 visitantes


O bo facer do operativo municipal propiciou que non houbese ningún incidente, aínda que nos momentos de maior afluencia houbo retencións na autovía e esperas de 45 minutos na entrada á Capela

A edición de 2015 da Romaría de Santa Minia confirmou e mesmo superou con creces todos os prognósticos. Se a coincidencia do Día de Santa Minia en domingo lle sumamos a boa climatoloxía, era doado agardar superar o récord de 50.000 visitantes rexistrados no 2009. Máis as previsións quedáronse moi curtas e podemos estar ante a edición con máis visitantes desta gran romaría de Brión.

O coordinador da festa, Alberto Álvarez, confirma que “nunca estivera a carballeira tan chea de xente. Hoxe a afluencia é espectacular, pero era o agardado ao ser o Día Grande das festas, pero é que onte na queima da fachada é que non había un sitio libre. Non só a carballeira, senón a avenida de Santa Minia e a zona das polbeiras estaban ata os topes de xente e moitos non puideron ver a queima da fachada e tiveron que conformárense coa gran tirada de fogos de artificio”, a cargo da Pirotecnia López.

Visitas á santa

A tendencia que se albiscaba na tarde-noite de onte sábado, no que o santuario mesmo chegou a rexistrar as colas habituais do Día de Santa Minia, quedaron en mera anécdota no día de hoxe. Dende primeira hora da mañá, as colas non baixaron dos 20-25 minutos e durante as horas de máis afluencia, coincidindo coa misa solemne, a cola mesmo baixaba pola avenida de Santa Minia e as esperas eran de máis de 45 minutos. A afluencia de fieis foi de tal magnitude que custaba diferenciar entre a misa solemne e as demais. E iso que a calor facía que moitos buscaran as sombras das arbores, aínda que quedaran fora da visión do altar.

Dende as 9:00 horas, milleiros de devotos chegados en máis de medio cento de autobuses de toda Galicia acudiron a cumprir coa tradicional visita á santa, bicar o sepulcro onde repousan os seus restos e pasar sobre el as típicas estampiñas de Santa Minia para que lles dean sorte durante todo o ano. Por razóns de seguridade, este ano tampouco se permitiu que as velas de ofrenda que traían os romeiros se depositasen na capela. No seu lugar, foron depositadas na casa reitoral, onde teñen lugar as misas. Unhas figuriñas de cera con formas de mans, brazos, cabezas, pernas… de acordo con aquela parte do corpo na que pidan a actuación de Santa Minia e que os devotos presentaran minutos antes diante da Santa e que mercaran nos postos que rodean a capela de Santa Minia.

Festa e polbo

Por outra banda, a carballeira de Santa Minia centralizou un ano máis a parte máis festiva da celebración. Así, a avenida de Santa Minia estivo ata os topes en canto a postos de venda de rosquillas, roupa, chourizos, larpeiradas, licores, filloas, ferramentas, pulseiras, velas, imaxes relixiosas, xeados, castañas… Nesta edición houbo máis de 175 postos de venda.

Outros que estiveron sempre cheos foron as cinco polbeiras emprazadas na zona, que non deixaron de vender racións de polbo, churrasco, carne ao caldeiro e, incluso, paella a uns prezos medios de 8 euros por ración. Uns pulpeiros que agardaban vender entre 4.500 e 5.000 quilos de polbo durante estes tres días. A música da mañá correu un ano máis a cargo da Charanga Mekánica e das escolas de baile, gaita, pandeireta e canto tradicional do Concello de Brión. A orquestra Passarela encargouse da sesión vermú.

O dispositivo de seguridade posto en marcha polo Concello de Brión funcionou á perfección, facilitando aos visitantes o lugar de aparcamento libre máis cercano á festa, especialmente ás persoas maiores ou con mobilidade reducida. Aínda así, coincidindo coa misma solemne as colas de vehículos chegaron ata a saída da autovía Santiago-Brión. A forte calor da fin de semana fixo que foran varios os maiores que se achegaron ata a ambulancia disposta a carón da carballeira e mesmo se fixeron un par de traslados ata o hospital para maior seguridade.